10/9/07

Helena

Fixen o percorrido de ida e volta a toda présa, a punto de caer varias veces. Cando cheguei de novo a onde se atopaba Carlos, optei por sentarme á beira del, sen falarlle. El seguía chorando igual que antes, sen que se lle notase, na mesma actitude inmóbil, sen mover os ollos que tiña cravados no ceo. A pesar de que antes me refugara cando lle puxen a man na cabeza, atrevinme a facelo de novo, pero esta vez non me rexeitou. Fíxenlle unhas caricias coa punta dos dedos, desde a fronte ata a meixela, sen que el tratase de apartarme. Cando levaba así uns minutos, colleu a miña man coa súa, volveuse cara a min, miroume aos ollos e fixo un movemento que me permitiu deitarme ao seu lado, dunha maneira suave, case sen darme conta. Estivemos así pegados un ao outro e calados, ata que el mesmo me pasou a man pola cara e pronunciou o meu nome: "Helena". Eu esperaba que seguise falando, pero calou de novo, mirándome como se non me vise, e observei que tiña os ollos encarnados. Por primeira vez desde que o coñecía, comprobei que eran dunha intensa cor azul escura e que non brillaban como antes nin se movían con aquela rapidez de gato coa que o facían cando xogábamos no wigwan.

Carlos Casares